A D.O. Ribeiro está en proceso de certificar un novo produto diferenciado e de alta calidade, viño escumoso de calidade branco e rosado

A D.O. Ribeiro está en proceso de certificar un novo produto diferenciado e de alta calidade, viño escumoso de calidade branco e rosado

A D.O. Ribeiro está en proceso de certificar e impulsar un novo produto diferenciado e de alta calidade, viños escumosos de calidade brancos e rosados, elaborados mediante o método tradicional, nos seus tipos de Brut e Brut Nature.

Esta aposta, xunto con outras medidas, pretende maximizar os recursos endóxenos que a caracterizan, a súa agroclimatoloxía, as variedade autóctonas implantadas, a cultura e experiencia vitivinícola das súas xentes e empresas e a calidade asociada aos viños desta Denominación de Orixe. De maneira que a través da cadea de interacción comercial se lle poida outorgar un maior valor engadido a produción primaria e se facilite o mantemento e implantación de explotacións vitícolas rendibles, fomentando deste xeito fixación de poboación no rural e o mantemento dun entorno natural e agrario, así como dunha estrutura industrial e empresarial asociada.

Para poder establecer esta cadea de valor é necesario coñecer con maior precisión cales son os parámetros e rangos de calidade das distintas variedades autóctonas desde a viña,  para a elaboración dos viños base.

 

As características dun viño base para a elaboración de escumosos difire signifcativamente das buscadas para os viños tranquilos elaborados tradicionalmente, polo que é necesario acadar maior experiencia e coñecer de maneira empírica a correlación entre o clima, comportamento das variedades e resultados da súa elaboración para viños base.

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro considera estratéxica a diversificación de produto mediante a consecución de novos produtos de alta calidade e alto valor engadido, para garantir o sostemento do seu entorno vitivinícola e capacidade comercial, por esta razón a entidade pretende certificar e paralelamente incentivar a produción de viños escumosos de calidade. Para potenciar esta aposta comercial é necesario aportar un maior coñecemento, baseado en estudos con solidez e rigor científico, que facilite o acceso e minimice os riscos aos produtores e elaboradores. Consecuentemente, o estudo pretende realizar unha análise obxectiva do intre óptimo de vendima en función dos parámetros fisicoquímicos e variedade, así como da influencia da fracción de mosto utilizada, para a elaboración de viños base destinados ao desenvolvemento técnico de escumosos de calidade acollidos a D.O. Ribeiro.

Para un bo desenvolvemento dos escumosos de calidade  da D.O. Ribeiro, o departamento técnico do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, considera determinante establecer unha relación directa entre as características das uvas utilizadas para a elaboración dos viños base e as características dos mesmos. Quérese establecer o estado de maduración óptimo de cada variedade asociada á climatoloxía da colleita,  para atopar a correlación óptima entre a concentración dos distintos ácidos e a súa estabilidade, pH, estrutura, grado alcohólico acadado e calidade organoléptica. Para elo realizouse un seguimento destes parámetros ao longo da maduración das variedades brancas Treixadura e Loureira e variedades tintas Caíño e Brancellao.

Realizaronse dúas vendimas para cada variedade; unha intentando achegarse aos 10.5% vol natural total e outra a 11% Vol natural total, pero o grao de maduración glucídica buscado puido variar para acadar unha adecuada conservación e composición do contido ácido, parámetro determinante para a consecución dun escumoso de calidade.

Unha vez elaborados os viños base de cada variedade e estado de maduración considerado óptimo, estanse a realizar análises fisicoquímicas e organolépticas para desta maneira establecer  asociacións entre características fisicoquímicas e organolépticas dos mostos / uvas cos resultados obtidos nos viños base, e así coñecer o intre máis oportuno para realizar a vendima de cada variedade en función da climatoloxía e características das variedades.

Considerando a importancia do contido en pruína e en polifenoles para a consecución dunha boa toma de escuma, paralelamente a diferenciación anteriormente mencionada, separaranse distintas fraccións no proceso da extracción de mosto e elaboraranse por separado, para observar variación das características fisicoquímicas e organolépticas dos viños base en función deste factor.

Descargar los resultados del estudio en los siguientes iconos:

resultados espumoso_0001

resultados espumoso_0002

resultados espumoso_0003

resultados espumoso_0004